sábado, 12 de marzo de 2011

Características xerais da música de Asia

Asia é un gran continente no que conviven razas, linguas e relixións moi distintas, e, polo tanto, as manifestacións musicais son moi diversas e diferentes, ao igual que os pobos aos que pertencen. Aínda así, pódense apreciar algunhas características comúns na música de todo o continente:

- Importancia da melodía. É o elemento base da música e o que máis destaca. A armonía non existe como tal, aínda que a polifonía (execución simultánea de varias voces independentes) e a heterofonía (execución simultánea de diferentes versións dunha mesma melodía), poden cumplir ese papel.

- Relación da música coa relixión. A maioría das formas musicais orientais foron creadas a partir de textos sagrados. O son alcanza unha dimensión “espiritual”, lonxe do concepto occidental do son como simple materia prima da música.

- Predominio da improvisación. Improvísase no momento da execución, os intérpretes son os propios compositores. Aínda así, sempre se parte de esquemas rítmicos e melódicos, sobre os que se realizan variacións.

- Timbres vocais característicos. Isto chama moito á atención do oído occidental, onde o habitual é o “canto natural”. En Oriente emprégase o canto de falsete (agudo e nasal) e tamén a voz grave e gutural. Hai máis técnicas que modifican a voz diferenciando esta música da occidental, como por exemplo:

· Glissando: Pódese definir como un efecto sonoro consistente en pasar rapidamente dun son a outro facendo oír todos os sons intermedios posibles (instrumentos), ou tamén como a execución rápida da escala cara o agudo e despois cara o grave, ou viceversa.

· Vibrato: Variación periódica da frecuencia ou amplitude dun son. No canto prodúcese espontaneamente a través dun tremor nervioso no diafragma ou larinxe.

· Melisma: Técnica de cambiar a altura dunha sílaba musical mentres é cantada.

No hay comentarios:

Publicar un comentario